Wednesday 01 de May de 2024

Inés Rey anuncia o pulo definitivo para construír o centro de saúde no mercado de Santa Lucía


A rexedora indicou que é unha actuación moi esperada pola veciñanza da Falperra, que leva agardando máis dunha década e resaltou o diálogo institucional como vía para resolver esta demanda

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe o pulo definitivo para construír o centro de saúde no mercado de Santa Lucía. Rey avanzou esta maña que o luns asinará o convenio de colaboración co Servizo Galego de Saúde, Sergas, para dotar a zona da praza de abastos cun novo ambulatorio. A rehabilitación do edificio que se levará a cabo permitirá ademais renovar o mercado e construír un centro cívico. “Unha actuación moi esperada pola veciñanza da Falperra, e que o Goberno Local defendeu desde o primeiro momento”, dixo.

O acordo coa Xunta, dixo, é unha mostra máis dos resultados do diálogo institucional polo que aposta este Goberno. “Entre o Concello e a Xunta de Galicia faremos realidade un investimento que supoñerá unha notable mellora na calidade de vida do barrio, e que suporá tamén unha mellora para a cidade”, dixo, e lembro que a día de hoxe xa non quedan postos no mercado, polo que xa é posible iniciar este proceso tan demandado polo barrio.

O Concello cederá ao Sergas a parte correspondente do inmoble por un período de 30 anos, prorrogable por outros 30. E o Sergas asumirá o custo de construción do novo centro de saúde, en tres anualidades, e que contará cunha superficie de 1.323 metros cadrados, e farase cargo do 58% dos gastos de mantemento do edificio, porcentaxe que se corresponde coa superficie total do novo inmoble que será
destinada a centro de saúde.